O día 20 de Decembro de 1914 nacía en Bos Aires a Asociación "Hijos de Ois de Ayuda Mutua", entidade que agrupaba a un bo número de homes e mulleres nacidos na parroquia de Santa María de Ois e que se atopaban emigrados na República Arxentina.
Movidos por un inmenso amor ao terreño e diante das carencias que naqueles tempos estaban a padecer na súa terra natal, decidiron proporcionar aos nenos e nenas de Santa María de Ois, un lugar axeitado onde poideran estudar e prepararse para a vida. Así foi como costearon a construcción dun edifico escola, que se ergueu no lugar do Fontelo. Un edificio amplo, con moita luz natural.
Este edificio escola foi inaugurado en decembro de 1933, sendo o primeiro mestre en impartir clases no mesmo D. Obdulio Vaquero Galindo.
O edificio escola estivo en servizo ata os primeiros anos da década dos anos setenta do s. XX, en que os escolares se concentraron en Betanzos, no Centro Escolar Francisco Vales Villamarín.
A partir de aí, e baleiras as aulas da súa función principal, o edificio escola do Fontelo, vaise deteriorando a gran velocidade, ata que en 1982, un grupo de veciños pón en marcha a recuperación do legado dos emigrantes coa creación da Sociedade cultural, recreativa e deportiva "Fillos de Ois", instalando nel a súa sede social.
Iniciase, en primeiro lugar, a rehabilitación da vella construción. Unha labor que requiriu o esforzo de moita xente, que realizou achegas de cartos e traballo persoal para facela posible. Unha vez rematada a rehabilitación, instalouse no primeiro andar do edificio social unha aula escolar para educación infantil que, aínda hoxe en día, está en servizo e chea de nenos e nenas; un consultorio médico e unha biblioteca social, ademaís de aseos e as oficinas da propia Sociedade. A planta baixa destinouse a bar social e a unha sala de usos múltiples na que se desenvolven os diversos actos que programa a Xunta Directiva, ademais de acoller varias actividades municipais. A Sociedade ven cedendo, de xeito desinteresado, as súas instalacións sociais a diversos colectivos e entidades parroquiais e municipais para que desenvolvan nelas as actividades que programan.
A Sociedade "Fillos de Ois" ven desenvolvendo, de xeito continuo desde aquel agosto de 1982, actividades tanto no eido cultural como recreativo e deportivo, sendo un punto de confluencia e encontro dos seus asociados e dos veciños en xeral, aos que presta servizos de xeito desinteresado.
Conta cunha publicación, que baixo o título "As 4 aldeas" ven editando desde xaneiro de 1999, retomando outra que ca mesma cabeceira, editaron os emigrantes de Ois en Bos Aires no ano 1923. Hoxe en día, esta publicación é a única que con carácter permanente se ven editando no concello de Coirós, sendo un referente no espallamento da cultura da comarca.
Foto da inauguración do edificio escola en decembro de 1933 |