Santa María de Ois

A parroquia de Santa María de Ois forma parte do concello coruñés de Coirós, situándose ao surente do mesmo. Ten unha extensión aproximada de 16,2 quilómetros cadrados, sendo a máis extensa de todo o termino municipal.
Nela atópanse os puntos de maior altitude do concello, representados polo "Pico da Felga", con un total de 512 m., seguido da "Costa do Sal" con 499 m.

PATRIMONIO PARROQUIAL

Igrexa Parroquial

A igrexa parroquial de Santa María de Ois é un templo románico pertencente ao s. XII. Segundo se pode ler no tímpano da porta septentrional, o ano de remate da súa construcción é 1183, e a mesma débesa ao presbítero Pelagius.
O ábside é de planta rectangular con bóveda de canón lixeiramente apuntada, e que presenta algunhas reminiscencias das pinturas que antiguamente debían decorar todo o interior do templo, realizadas posiblemente no s. XVI .
No exterior aínda se poden observar pervivencias da edificación románica primitiva, como os contrafortes e as cruces antefixas.
A igrexa presenta reformas posteriores, como a sacristía e a fachada principal, posiblemente de finais do s. XVIII ou principios do s. XIX.
Sufriu un grave incendio no ano 1967 que destruiu o interior e a cuberta.

Cruces e Cruceiros

O cruceiro de Santa María de Ois está situado dentro do camposanto. Construído en granito, conta cunha plataforma de tres amplas gradas. O pedestal, de tipo cuadrangular, da asento a unha columna de sección ochavada con biselado de aristas e con remates en punta de frecha, na que se incrusta a imaxe de San Marcos en posición sedente e colocada sobre peana.
O capitel é cuadrangular moldurado de estilo neoclásico, iniciado da forma da columna e rematado de saíntes molduras rectas.
A cruz é circular de tipo leñosa, con nós, imitando as ramas dunha árbore. No seu anverso represéntase a Cristo crucificado baixo o letreiro de INRI, con tres cravos e coros de espiñas. Inclina a cabeza cara a dereita, coas pernas moi flexionadas, as mans abertas e un pano de pureza anoado á dereita. No seu reverso represéntase á Virxe Gloriosa, coroada, tocada de amplo e traballado manto, colocada sobre unha peana de cabeza alada de anxo.
Está dotado de mesa de altar sobre dobre peana colocada á fronte.

No entorno do camposanto podemos atopar varias cruces de pedra, de sección ochavada e núas de imaxes, colocadas sobre os propios muros do atrio, posiblemente pertencentes a un antiguo Via Crucis. Unha delas ten busto en relieve e placa dedicada a Frai Pedro Manzanas, monxe dominico natural desta parroquia nacido no s. XVII.
Ademais, na igrexa parroquial existen "cruces antefixas", cuxa descripción foi feita con moitos pormenores por Francisco Vales Villamarín no seu traballo "As cruces antefixas románicas e sustentáculos da comarca betanceira", publicado no Anuario Brigantino de 1982.

Existen dúas cruces antefixas: unha delas situada no piñón do ábside, e a outra situada no testeiro da nave. Ámbalas dúas carecen de sustentáculo zoomorfo.

PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO

Existen numerosos vestixios relacionados coa cultura castrexa, representandos, sobre todo, polos "castros" de Flores e Xora. No primeiro deles, atopouse no ano 1915 un "torques" de ouro, da época prehistórica, que está depositado no Museo Arqueolóxico de A Coruña.
Dentro da parroquia existen diversos lugares con un elevado interés arqueolóxico. Entre eles destacan as "mámoas" de Parada, A Lomba, Cotón do Ferreiro, Costa do Sal, Monte da Retorta, así como os "petroglifos" de A Lomba, Revoltas Longas, Fonte do Oso e Pena Furada. Destaca tamén un "conxunto medieval" atopado no lugar de Recebés.
No lugar de Recebés atopouse no ano 1982 un anaco dunha "estela funeraria", datada no s. III, coincidindo coa dominación romana da Península. Está realizada en granito do país, de grao medio, con unhas dimensións de 42 cms. de alto, 41 cms. de ancho e 6 cms. de gordo.

PATRIMONIO ETNOGRÁFICO

Ao igual que en moitos lugares de Galicia, en Santa María de Ois existe un bo número de edificacións que nos falan dunha cultura popular antiga, que aínda conserva os máis singulares elementos.

Hórreos que datan, maioritariamente, do s. XIX, de tipoloxía mixta, esto é, de madeira e de madeira e pedra do país, ben apoiados sobre un corpo de mampostería ou sobre pés ben traballados de granito. En tódolos casos responden a estruturas estreitas e altas, con unha planta aproximada de un metro de ancho por tres metros de largo e dous metros de alto. A cubrición, polo xeral, é a dúas augas con tella do país sobre entramado de madeira.
Muiños que representa, se acaso, a maior escenificación comunitaria. No río "Fervenzas" existe un bo número deles, ben de maquia como de herdeiros. A maioría atópanse en estado de abandono, pero, ainda así, se poden ver as pezas que os compoñen o que nos permite imaxinarnos o traballo da moenda.

Un lugar destacado dentro do patrimonio etnográfico de Santa María de Ois, está reservado, sen dúbida, para unha antigua "ferrería", posiblemente a única da nosa comarca. Hoxe en día só se adiviñan os seus muros.

Esta instalación industrial coñecida como "O Machuco de Ois", está situada na marxe do río Fervenzas, a escasos trescentos metros da Ponte de Xora. A construcción, dunhas dimensións considerables, dispoñíase paralela ao río e a un nivel inferior. Desde a represa que almacenaba a forza motriz, a auga, ésta caía a unha altura duns sete metros ata o "rodicio", mecanismo que facía funcionar os "mazos". A data da súa construcción non está fixada, e o seu peche pode datar de finais do s. XIX.

Subir

RUTA DE SENDERISMO
 

Esta ruta denominada "O río dos dous nomes", catalogada P.R.-G-35, con unha lonxitude aproximada de 3,4 km, ten a categoría de "dificultade baixa".

Saída e chegada: Ponte de Xora

Acceso ao punto de saída: Desde a estrada N-VI desviarse pola CP 0301 en dirección Aranga. A pouco máis de 1 Km., chégase á Ponte de Xora, comezo da ruta.

Descripción: O máis destacado desta ruta é a posibilidade de contemplar elementos da etnografía popular como son os "muiños". O longo da ruta pódense ver unha ducia destas construccións. Tamén se poden observar as ruinas dunha "ferrería", chamada "O Machuco de Ois", construcción do s. XIX dedicada á producción industrial do ferro.

Servizos: Bo acceso. Aparcadoiro e área de recreo con barbacoas, mesas e bancos de pedra.

Onde comer: "Parrillada Barral", en Ois, "Restaurante La Paz" en Espenuca (Refuxios do Mandeo) "Taberna O Freixo" en Espenuca.

 
 
© 2017 S.C.R.D. Fillos de Ois - G15074305 - Lg. Fontelo 37 - 15316 Coirós - A Coruña - email: fillosdeois@yahoo.es - Nº Rexistro 1982/001218-1 (AC)